Nigran

Nigrán quere brillar no Nadal: 80.500 € para unhas luces que chegarán a todas as parroquias

O Concello de Nigrán xa puxo en marcha a conta atrás para o Nadal. A empresa tomiñesa Alvaz será a encargada de vestir as rúas co alumeado festivo tras gañar a adxudicación por un importe de 80.465 €, cun contrato que contempla tamén a posibilidade de prórroga para o 2026.

As luces deberán estar instaladas desde o último fin de semana de novembro ata o 8 de xaneiro, independentemente da data que se elixa para o acto oficial de acendido. O alcalde, Juan González, destacou a novidade deste ano: “É a primeira vez que conseguimos contratar con tanta anticipación. A celeridade garante que se cumpran os prazos, que se respecte a calidade e, ademais, abre a porta a renovar automaticamente para o seguinte Nadal”.

Un Nadal eficiente e con estilo

O contrato establece que a instalación debe ser 100% LED, co fin de reducir o consumo eléctrico e apostar pola sustentabilidade. Ademais, as luces acenderanse á vez que a iluminación pública e permanecerán acesas ata a 1 da madrugada, ampliando o horario ata as 5:00 da mañá nas noites máis especiais: o 25 de decembro e o 1 de xaneiro.

As decoracións, segundo marcan os pregos, deberán manter unha imaxe uniforme, coherente e tradicional, con cores cálidos que transmitan sensación de festa e harmonía en todos os barrios do municipio. A desmontaxe terá que realizarse antes de que remate xaneiro, devolvendo as rúas á normalidade unha vez pasadas as celebracións.

Incentivar o comercio e a vida social

Máis alá do impacto visual, a intención do goberno local é clara: revitalizar a vida social e impulsar o comercio de proximidade en todas as parroquias. “Queremos que cada veciño e cada barrio sintan o espírito do Nadal. Non se trata só de luces, senón de crear ambiente, atraer xente ás rúas e apoiar o pequeno comercio”, explica González.