Nigrán presume da súa arte urbana en FITUR cunha nova guía cultural
O Concello de Nigrán presentará desde mañá en FITUR a súa nova guía ‘Nigrán, capital mundial de arte urbana’, unha proposta que recompila e localiza as intervencións máis destacadas de arte mural realizadas no municipio por iniciativa municipal. A publicación consolida Nigrán como un auténtico museo ao aire libre e como referente cultural no ámbito da arte urbana.
A guía recolle preto de 50 pezas, entre elas as obras de gran formato da artista internacional Lula Goce, encabezadas por A Dona do Esteiro da Ramallosa, recoñecida en 2023 como o segundo mellor mural do mundo. Tamén se inclúen outras creacións súas en Panxón, Condomínguez e Vilariño. Completa o percorrido a ‘Pintura no lugar’ do pontevedrés Juan Rivas, con intervencións integradas na contorna urbana de Parada, San Pedro e Panxón.
O proxecto ‘Arte en Paradas’ do vigués Pedro González ‘Beis’ transforma as marquesinas da estrada pola costa nunha guía ornitolóxica ao aire libre, mentres que o artista local Dani Seek asina o mural do túnel da praza Rosalía de Castro cun retrato da escritora galega.
“O patrimonio natural e histórico xa é un reclamo; agora queremos destacar que culturalmente estamos na vangarda da mellor arte urbana”, subliña o alcalde, Juan González.
