Nigrán participa no encontro internacional de mulleres electas en Cabo Verde para reforzar a igualdade no ámbito local
O Concello de Nigrán participou no II Encontro Internacional de Mulleres Electas ‘As Elixidas’, celebrado en Cabo Verde, onde máis de 130 representantes municipais de África e Galicia analizaron o papel das mulleres na política local e acordaron reforzar a súa participación nos espazos de decisión.
A delegación galega estivo encabezada polo presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e alcalde de Nigrán, Juan González, acompañado polas concelleiras Patricia Diego e Bibiana Peixoto. Durante o encontro adoptouse a chamada Declaración da Praia, que aposta por fortalecer a participación das mulleres na gobernanza local, consolidar políticas de igualdade e integrar a perspectiva de xénero na acción municipal.
O foro, organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e pola Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos, converteuse nun espazo de diálogo e aprendizaxe entre representantes locais de Cabo Verde, Mozambique e Galicia. Baixo o lema “Electas no local, unha voz global”, abordáronse cuestións como as barreiras que afrontan as mulleres na política municipal ou as boas prácticas na elaboración de políticas públicas con enfoque de xénero.
No marco da visita institucional, a delegación do Fondo Galego foi recibida pola embaixadora de España en Cabo Verde, Ana Paredes, quen destacou o papel da cooperación municipal galega no arquipélago.
O encontro celebrouse arredor do Día Internacional das Mulleres e en liña co ODS 5 da Axenda 2030, centrado na igualdade de xénero. Tras o remate das xornadas, parte da delegación regresou a Galicia mentres outro equipo permanece no país para supervisar proxectos de cooperación vinculados á agricultura sostible.
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, do que forma parte o Concello de Nigrán, integra a 120 concellos e as catro deputacións galegas e promove desde hai 28 anos proxectos de cooperación e sensibilización en distintos países do Sur Global.
