Nigran

Nigrán mellorará o firme de 41 rúas cun investimento de máis de 800.000 euros

O Concello de Nigrán emprenderá este ano un ambicioso plan de asfaltados que abarcará 41 rúas do municipio cun investimento total de 813.562 euros.

Desta contía, 811.000 euros procederán do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra, mentres que os 3.000 euros restantes serán achegados polo propio Concello.

O deputado provincial Jesús Vázquez Almuíña visitou hoxe as zonas beneficiadas xunto co alcalde de Nigrán, Juan González, e anunciou que este venres a Xunta de Goberno da Deputación aprobará o financiamento desta actuación.

Segundo explicou, as melloras permitirán corrixir o estado deteriorado da pavimentación en moitos destes camiños municipais, que presentan fochancas, fendas e degradación da capa de rodadura ou que, nalgúns casos, están sen pavimentar.

A intervención incluirá a mellora do firme, o fresado para a conexión con tramos e accesos a vivendas, o recalce das tapas de rexistro e a reposición das marcas viarias. Ademais, na rúa O Viso e no Camiño Debaixo das Eiras habilitaranse espazos similares a prazas con lastros de pedra, mentres que entre as rúas Baiona e Gondomar proxéctase a creación dunha glorieta para canalizar o tráfico de forma máis eficiente. Tamén se instalarán redutores de velocidade en varios puntos estratéxicos.

As obras beneficiarán a todas as parroquias do municipio, con actuacións en rúas moi demandadas pola veciñanza como Viso, Manuel Misa, Pelada, Carballeira, Carballas, Amieiros, Marzoa e Palanca en San Pedro; Rabadeira, Searas, Jesús Espinosa, Baiona e Gondomar en Panxón; Tanque, Piñeiro, Barros e Coca en Priegue; Candosa, Ponte, Baixada ao Xuncido en Camos; Lapela en Chandebrito; Pombal e Xestal en Nigrán; e finalmente Charenque e Agulla en Parada.

“O noso obxectivo principal é que a provincia de Pontevedra avance como nunca antes fixera e que os concellos poidan afrontar investimentos que doutro xeito serían imposibles de realizar”, destacou Almuíña. Pola súa banda, o alcalde de Nigrán, Juan González, puxo en valor esta mellora na rede viaria municipal, que responde a unha demanda histórica dos veciños e veciñas da localidade.