Nigrán investirá 11.000 euros en Mozambique para garantir o acceso seguro á auga e evitar ataques de crocodilos
O Concello de Nigrán destinará 11.000 euros a un proxecto de cooperación co municipio mozambiqueño de Nhamayábue co obxectivo de garantir o acceso seguro á auga e reducir o risco de ataques de crocodilos, que no último ano causaron a morte de 22 persoas. O alcalde Juan González, tamén presidente do Fondo Galego de Cooperación, comprometeu esta achega ao seu homólogo Mamani Vale durante unha visita institucional celebrada onte en Nigrán.
Do total, 6.000 euros irán destinados a instalar un sistema de bombeo que levará auga desde o río Zambeze ata tres tanques, permitindo abastecer catro villas comunitarias. Os outros 5.000 euros servirán para construír un empalizado que afaste os crocodilos da zona onde a veciñanza se aseaba e lavaba a roupa.
O proxecto será canalizado a través do Fondo Galego e súmase a outras iniciativas impulsadas polo Concello, como a construción dunha escola en Guinea-Bissau ou o apoio a comunidades de Cabo Verde e do rural mozambiqueño. Con estas achegas, Nigrán achégase ao cumprimento do compromiso legal de dedicar o 0,7 % do seu orzamento á cooperación internacional antes do 2030. “É unha pequena achega para nós, pero con beneficios incalculables para quen máis o necesita”, destacou o alcalde.