Nigran

Nigrán informa da apertura do prazo para o programa de balnearios ‘+ Benestar 2026’

O Concello de Nigrán informa da apertura do prazo, ata o 13 de marzo, para solicitar a participación no programa de balnearios da Deputación de Pontevedra ‘+ Benestar 2026’, dirixido a persoas maiores de 55 anos —e menores con carácter excepcional que reúnan os requisitos establecidos.

As solicitudes deberán presentarse preferentemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Deputación (https://sede.depo.gal).

O programa ten como obxectivo facilitar ás veciñas e veciños da provincia o acceso a actividades de ocio saudable e envellecemento activo en establecementos hostaleiros como balnearios, talasos ou spas. Ao mesmo tempo, busca dinamizar a economía provincial e apoiar o mantemento do emprego no sector turístico, especialmente nos períodos de menor actividade, contribuíndo así á desestacionalización da demanda.

A iniciativa ofrece unha estancia de seis días e cinco noites —con entrada os domingos pola tarde e saída os venres despois do xantar— nun hotel con balneario, talaso, spa ou instalacións similares da provincia de Pontevedra. O réxime será de pensión completa e incluirá actividades de animación sociocultural.