Nigrán e Tarrafal oficializan o seu irmandamento para reforzar a cooperación internacional
O concello de Nigrán e o municipio caboverdiano de Tarrafal xa son oficialmente pobos irmáns tras a ratificación do acordo por parte da localidade africana. A decisión produciuse durante a visita institucional dunha delegación galega encabezada polo alcalde nigranés, Juan González, tamén presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
O irmandamento xa fora aprobado previamente polo pleno de Nigrán en maio de 2025 e supón consolidar unha relación iniciada anos atrás. Segundo destacou o rexedor, o obxectivo é “estreitar vínculos e permitir ás dúas comunidades coñecer novas culturas e realidades norte-sur”.
A colaboración entre ambas localidades non é só institucional, senón tamén práctica. O Concello de Nigrán financia con 20.000 euros un proxecto agrícola en zonas remotas de Tarrafal, concretamente en Ribeira da Prata e Fontao. A iniciativa busca reducir a inseguridade alimentaria e ofrecer alternativas económicas a 24 familias, moitas delas encabezadas por mulleres.
Entre as actuacións previstas inclúese a instalación dun sistema de microirrigación para facer fronte á seca, un dos principais problemas da zona. Ademais, o goberno local prevé ampliar este apoio a outras comunidades nos próximos meses, coa colaboración da cooperación española.
Este irmandamento comezou a xestarse en 2024 a través do programa “Especialistas en Cooperar”, que permitiu identificar as necesidades do territorio. Con esta iniciativa, Nigrán avanza tamén no seu compromiso de destinar o 0,7% do orzamento municipal á cooperación internacional antes de 2030.
Situado na illa de Santiago, Tarrafal conta con arredor de 17.000 habitantes e destaca polo seu potencial turístico, aínda que tamén afronta retos como a emigración e a falta de oportunidades económicas.

