Nigrán e Gondomar reciben preto de 300.000 euros do Plan +Provincia para emprego municipal
Os concellos de Nigrán e Gondomar beneficiaranse de novas achegas económicas da Deputación de Pontevedra ao abeiro do Plan +Provincia 2026-2027, que destina fondos para fomentar o emprego e reforzar os servizos municipais. O presidente da institución provincial destacou que “seguimos sumando recursos dentro destes 85 millóns de euros cos que está dotado o +Provincia, o plan de obras e servizos de competencia municipal máis ambicioso da historia da Deputación”.
No caso de Nigrán, o concello recibirá case 222.000 euros dentro da liña 3, destinada á activación do emprego. Con estes fondos poderanse contratar 15 persoas desempregadas, distribuídas en 12 peóns forestais, 2 auxiliares de turismo e 1 técnico de biblioteca. O obxectivo é reforzar tanto os servizos ambientais e de mantemento do territorio como a atención turística e cultural do municipio.
Pola súa banda, o concello de Gondomar contará con case 75.000 euros para a contratación de 6 persoas desempregadas. En concreto, prevese incorporar 5 peóns de obras públicas e 1 condutor de camión, que contribuirán ao mantemento de infraestruturas e á mellora dos servizos municipais.
Estas actuacións forman parte das diferentes liñas de financiamento do Plan +Provincia, un programa co que a Deputación busca impulsar o emprego local, mellorar os servizos municipais e apoiar economicamente aos concellos da provincia.
