Nigrán convoca o concurso de carteis ‘Quin Alborés-Nigranjazz’ 2025 con un premio de 700 euros.
O Concello de Nigrán vén de convocar unha nova edición do tradicional concurso de carteis ‘Quin Alborés-Nigranjazz’, co obxectivo de elixir a imaxe oficial do festival Nigranjazz 2025, que celebrará a súa XIX edición este verán. O certame está dotado cun premio único de 700 euros e o prazo para presentar os traballos remata o 30 de abril, coincidindo co Día Internacional do Jazz.
Este concurso, convocado desde o ano 2010, rende homenaxe ao artista nigranés Quin Alborés, impulsor do festival e autor dos tres primeiros carteis do evento. As bases completas poden consultarse na web municipal (www.nigran.es) ou na Casa Consistorial.
A convocatoria está aberta a persoas físicas maiores de 18 anos, que poderán participar individualmente cun máximo de dúas obras inéditas. Os carteis deben ter unha estética relacionada co mundo do jazz e realizarse en formato vertical tamaño A2 (594 x 420 mm). As propostas deben presentarse de forma anónima, seguindo as especificacións recollidas nas bases, e poden enviarse por correo electrónico, rexistro municipal ou Correos.
“O Concello de Nigrán mantén unha vinculación estreita co mundo do jazz a través da súa programación cultural e estamos moi orgullosos de unir con este certame música e deseño baixo o paraugas do jazz”, destacou o alcalde, Juan González.
O cartel gañador será a imaxe oficial do Nigranjazz 2025, un dos festivais de jazz de referencia en Galicia, consolidado como cita imprescindible para os amantes da música e da arte gráfica.