Nigran

Nigrán convértese esta fin de semana na capital da petanca con tres torneos en Praia América

O Concello de Nigrán volverá ser o epicentro da petanca a nivel nacional esta fin de semana coa celebración simultánea de tres competicións en Praia América: o ‘II Open Nacional Xuvenil de Petanca’, o ‘III Open Internacional Conchi feminino’ (ambos en formato de dupletas) e o ‘XXI Torneo Concello de Nigrán senior masculino’ (tripletas).

En total, máis de 250 xogadores de toda España medirán forzas nas canchas habilitadas para a ocasión. O torneo xuvenil reunirá unha trintena de rapaces e rapazas de entre 6 e 17 anos procedentes de Galicia, Cantabria, Mallorca e Barcelona; o Open Internacional “Conchi” contará con 80 mulleres de distintas idades e rendirá homenaxe á xogadora local Conchi Nande Otero, falecida e lembrada integrante do C.C.D. Bolos da Carrasca; e finalmente, 140 homes da comarca participarán no veterano Torneo Senior Masculino.

As probas están organizadas polo Concello de Nigrán en colaboración co C.C.D. Bolos da Carrasca, auténtico motor da petanca na comarca, e co apoio da Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra a través do Plan + Provincia.

“Grazas ao tesón e esforzo do club Bolos da Carrasca, Nigrán volve a ser capital deste deporte. Para nós é unha maneira excelente de poñer en valor o municipio no exterior, e Praia América é o mellor escenario posible”, destacou o alcalde Juan González, quen lembrou que o Campionato de España de Tripletas Sénior 1ª Masculino celebrado en 2021 marcou o inicio de Nigrán como referencia nacional da petanca.

O Concello habilitará o aparcadoiro da antiga escola de vela de Praia América con máis de 30 canchas de competición e adestramento. O venres celebrarase a presentación dos equipos e os sorteos, mentres que o sábado e boa parte do domingo desenvolveranse os partidos.