Nigran

Nigrán colocará lousas nas casas das vítimas do franquismo para manter viva a memoria

O Concello inicia o ‘Mes da Memoria Histórica’ cunha homenaxe á Volta dos Nove e un proxecto pioneiro de lembranza individualizada

O Concello de Nigrán conmemorou hoxe a Volta dos Nove cunha ofrenda floral no Xardín da Memoria de Panxón, onde o alcalde Juan González anunciou unha iniciativa singular: instalar lousas de granito diante das vivendas das persoas asasinadas pola represión franquista, co seu nome, idade e data do crime.

A medida arranca este mes dentro do Mes da Memoria Histórica e, por agora, inclúe 15 vítimas identificadas entre setembro e decembro de 1936, entre elas os catro nigraneses executados en Baiona o 15 de outubro —Manuel Aballe Domínguez, Generoso Valverde Iglesias, Modesto Fernández Rodríguez e Manuel Barbosa Durán— e o republicano Florencio Trigo Cabral, da Ramallosa.

“O único delito destas persoas foi defender os valores da República. Debemos resarcir a súa memoria e aprender do pasado”, afirmou González.

O programa incluirá tamén xornadas polo 50 aniversario da morte de Franco e un acto de reparación á figura do mestre republicano Sebastián Pena López, confundido historicamente co represor cabo Pena.

A Volta dos Nove, o 15 de outubro de 1936, marcou un dos episodios máis tráxicos da represión no Val Miñor, cando nove veciños foron fusilados en Baiona. O lugar, hoxe espazo de memoria, mantén as nove cruces que durante décadas simbolizaron o recordo prohibido dos que morreron por defender as súas ideas.