Nigrán celebra o seu concurso de comparsas con 1.345 participantes
O Concello de Nigrán celebra este venres 20 de febreiro desde as 21:00 horas o seu tradicional concurso de comparsas, que contará coa participación de 20 agrupacións de toda a comarca e un total de 1.345 integrantes, converténdose nun dos eventos centrais do entroido no municipio.
O certame estará presentado por Anxo Fernández, integrante de Barafunda, quen exercerá como mestre de cerimonias dunha cita que cada ano reúne centos de persoas no centro da vila. A animación musical correrá a cargo da charanga Los Támega, coñecida por ser protagonista no entroido de Verín. A súa actuación comezará ás 20:00 horas e prolongarase tamén durante o tempo de deliberación do xurado.
O desfile discorrerá, como é habitual, pola rúa Rosalía de Castro, desde a rúa Telleira ata a Casa Consistorial. A comparsa representante de Nigrán será a da Asociación Cultural Parada do Miñor. A agrupación máis numerosa será O Borraliño, de Salceda de Caselas, con 133 compoñentes, mentres que a máis pequena será a da Asociación de Veciños de Lavadores (Vigo), con 17 participantes.
A entrega de premios terá lugar na Praza do Concello, onde ao remate da gala haberá unha tirada de fogos de luces de baixo impacto, apostando así por un formato máis respectuoso.
A programación do entroido continuará o sábado coa proxección do filme Río nos Cines Municipais da Ramallosa ás 18:00 horas e concluirá o sábado 28 de febreiro co tradicional Enterro do Kiko de Parada, acto que porá o punto final ás celebracións.
