Nigrán celebra a VIII Clásica Manuel Alfaro con 50 vehículos históricos
Nigrán acolleu este sábado a VIII edición da Clásica Manuel Alfaro, unha cita xa consolidada para os amantes dos vehículos históricos. A proba reuniu medio cento de coches, todos con máis de 30 anos de antigüidade, que realizaron un percorrido polo municipio e a súa contorna, combinando a paixón polo patrimonio automobilístico coa beleza da paisaxe local.
O evento arrancou pola mañá dende o parque comercial Nasas Nigrán e desenvolverase ao longo do día ata rematar ás 21:00 horas no municipio de Oia, onde se celebrará unha cea de confraternidade entre participantes e organización.
O alcalde de Nigrán, Juan A. González, asistiu á cita e destacou a importancia de iniciativas como esta para dinamizar a vila e poñer en valor a historia do automóbil. Pola súa parte, a concelleira de Festexos, Cristina Dosil, foi a encargada de dar a saída oficial á proba, nun ambiente festivo que reuniu participantes e público de toda a comarca.
Entre os inscritos destacou a presenza de María José Pino, portavoz do PP en Nigrán, quen participou a bordo dun emblemático Volkswagen Golf branco, sendo a última en saír na proba.