Nigran

Nigrán acollerá en outubro o Campionato de Europa de surf adaptado con 70 deportistas de todo o continente.

A praia de Patos converterase do 15 ao 18 de outubro no epicentro do surf adaptado europeo, acollendo por vez primeira o Campionato de Europa de Surf Adaptado, unha cita internacional que reunirá a arredor de 70 deportistas de elite con discapacidade física procedentes de países como Portugal, Francia, Italia, Grecia, Reino Unido ou Suíza.

A competición chega a Nigrán logo de catro anos consecutivos como sede do campionato estatal, e será posible grazas á colaboración entre o Concello de Nigrán, a Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia, a Fundación Bimba y Lola, a Federación Galega de Surf e o club local Quenlla Surf, referente galego no ámbito da diversidade.

“Non podemos estar máis orgullosos de que Nigrán, grazas á praia de Patos, se sitúe no mapa de Europa como un lugar sinónimo de inclusión”, afirmou o alcalde Juan González, quen anunciou que o evento coincidirá coa xa tradicional Copa Concello de Nigrán de Surf Adaptado, dirixida a persoas con diversidade cognitiva e na que participan cada ano preto de cen persoas vinculadas a entidades como Juan María, Menela ou San Francisco.

Desde Quenlla Surf, o seu responsable Luis Pena —recentemente recoñecido na Gala do Deporte de Nigrán polo seu labor a prol da inclusión— destacou que a cita permitirá tamén a celebración da Copa Galicia, aberta á participación internacional. Explicou que as categorías atenderán á diversidade funcional dos participantes: surfistas invidentes, con amputacións, que practican o deporte sentados ou tumbados, entre outras condicións.

Aínda que a selección española se anunciará nas vindeiras semanas, todo apunta á presenza de referentes coma Aitor Francesena ‘Gallo’, Sarah Almagro, Ander Goenaga ou Mireia Cabañes, todos eles exemplos de superación no deporte adaptado.

“O deporte transmite valores como o sacrificio, a constancia e o compañeirismo. No caso do adaptado, estes valores multiplícanse. Será unha lección de vida para quen se achegue a Patos eses días”, subliñou González, animando á cidadanía a implicarse como público nun evento que fará historia no municipio.