Baiona

Mel e noces en Baiona para celebrar a romaría de San Cosme e San Damián

Baiona prepárase para vivir unha das súas citas máis populares coas festas en honra a San Cosme e San Damián, coñecidas tamén como a “Festa do Mel e das Noces”, que se celebrarán os días 25 e 26 de setembro de 2025.

O programa arrincará o xoves 25 coa tirada de bombas de palenque ás 11:00 horas e o pasarrúas da charanga Os Terribles de Donas-Gondomar, que tamén actuarán pola tarde na praza de Santa Liberata. Ademais, ás 19:00 horas terá lugar a última misa da novena na capela de Santa Liberata, mentres que na igrexa de Santa María de Baiona celebraranse misas ás 18:00 e 20:00 horas.

O día grande será o venres 26 de setembro, declarado festivo local. A xornada comezará ás 11:00 horas coa tirada de bombas de palenque e a tradicional procesión en honra a San Cosme e San Damián, que sairá da capela de Santa Liberata e percorrerá as rúas principais acompañada polo grupo de gaitas Os Trebellos de Bahiña.

Ás 12:00 horas celebrarase a misa solemne na igrexa parroquial e, xa pola tarde, haberá novas actuacións musicais: ás 13:00 horas no recinto de Santa Liberata co grupo de gaitas Os Trebellos, e de 17:00 a 18:00 horas cun novo pasarrúas. O broche final porao o grupo Ritmo, que actuará ás 21:00 horas na praza de Santa Liberata.

A romaría, organizada polo Concello de Baiona coa colaboración da Deputación de Pontevedra, combina actos relixiosos e populares, mantendo viva a tradición dunha festa profundamente enraizada na identidade baionesa.