Marta Dacosta destaca en Gondomar a débeda de recoñecemento coa figura de Castelao
A escritora Marta Dacosta destacou este domingo na conferencia organizada polo BNG e a Fundación Galiza Sempre que, setenta e cinco anos despois da súa morte, aínda existe unha débeda de recoñecemento con Castelao, e insistiu na necesidade de difundir “a súa figura íntegra, artística e política”.
O acto, enmarcado no Ano Castelao, contou coa presenza de representantes do BNG do Val Miñor e da deputada provincial Manuela Rodríguez Pumar, quen subliñou que “é necesario reivindicar a dimensión completa de Castelao, artista, escritor e político nacionalista”. Lamentou tamén que o voto en contra do PP e a abstención do PSOE impedisen recoñecelo oficialmente como primeiro presidente de Galiza, por se poñer á fronte do Consello de Galiza no exilio.
Durante o encontro, militantes de Galiza Nova leron textos do autor rianxeiro e o debuxante Tokio realizou ilustracións inspiradas na súa obra. Dacosta lembrou que “Castelao é unha figura central da arte e da política, adiantado ao seu tempo, que colocou o idioma no centro do seu pensamento e levou Galiza á universalidade”.
O BNG e a Fundación Galiza Sempre continúan así un amplo programa de actos por todo o país para homenaxear unha das figuras máis destacadas da historia galega e “poñer fin á débeda de recoñecemento cun político nacionalista e creador comprometido coa súa terra”.
