Manifiesto Miñor pide no pleno de Gondomar integrar o GES do Val Miñor no Consorcio Provincial de Bombeiros
A formación denuncia incumprimentos laborais e condicións precarias no servizo
O grupo Manifiesto Miñor reclamará no próximo pleno de Gondomar que o Concello inste á Mancomunidade do Val de Miñor a iniciar os trámites para integrar o GES comarcal no Consorcio Provincial de Pontevedra, mantendo a base na comarca “en condicións dignas”.
Segundo a formación, os traballadores do GES levan anos denunciando precariedade e riscos para a súa saúde e integridade física, con quendas de un ou dous efectivos por xornada e sen os recursos nin a formación axeitados. Acusan á Mancomunidade de incumprir a Lei de Prevención de Riscos Laborais e o convenio do servizo, lembrando que a plantilla debía ampliarse de 12 a 18 traballadores antes de agosto de 2021.
Manifiesto Miñor critica que nin a Xunta, nin a Deputación, nin a Fegamp —asinantes do convenio GES— actuaran a pesar de coñecer a situación, e advirte de que o servizo “opera co mesmo nivel de risco que un parque de bombeiros, pero coa metade de persoal e sen protocolos de actuación”.
“É unha situación irregular e inmoral, máis aínda cando quen a promove é unha administración pública”, sinala a formación, que defende a súa iniciativa como “un exercicio de responsabilidade cos traballadores e coa cidadanía do Val Miñor”.
