Baiona

Manifesto Miñor denuncia o novo recheo no porto de Baiona como un atentado ambiental que ameaza o litoral do Val Miñor

O colectivo Manifesto Miñor vén de denunciar publicamente o novo proxecto de recheo de 4.200 metros cadrados no porto deportivo de Baiona, cualificándoo como un “atentado contra o medio ambiente” que supón un paso máis cara á privatización e ao deterioro irreversible do litoral do Val Miñor.

Desde a entidade lembran que este non é un feito illado, senón que forma parte dunha estratexia especulativa que leva décadas afectando á baía de Baiona. Segundo apuntan, “se puidesen, farían un recheo ata Panxón, cunha lagoa no medio e novas ribeiras urbanizadas ao estilo Benidorm”.

O colectivo repasa antecedentes como a construción do espigón de Monte Boi —que alterou as correntes e deixou as praias sen capacidade de autorrexenerarse—, o ensanche da estrada pola costa ou o polémico recheo de 4.000 m² realizado en 2007 pola empresa Ronautica, que deu lugar ao segundo porto deportivo de uso exclusivo para iates e negocios privados. Naquel momento, a forte oposición social evitou a construción das zonas comerciais previstas, que agora —segundo denuncian— poderían materializarse coa nova ampliación.

Manifesto Miñor tamén advirte da recente privatización e “modernización” do cámping da Ladeira, que consideran un síntoma máis do proceso de exclusión da veciñanza dos espazos públicos costeiros, substituídos por instalacións privadas.

A organización alerta de que, se se consolida este novo recheo, o seguinte paso podería ser a reactivación do proxecto do campo de golf en Baredo, completando o que consideran un “crebacabezas dun negocio multimillonario alleo á veciñanza” e con gravísimas consecuencias para o medio e o tecido social local.

“O impacto sería letal para a biodiversidade mariña, alteraría as mareas, provocaría a desaparición das praias e enterraría para sempre o patrimonio arqueolóxico subacuático”, afirman.

Por todo isto, Manifesto Miñor fai un chamamento á mobilización cidadá en defensa do litoral e á paralización inmediata deste novo recheo, que consideran innecesario, especulativo e socialmente lesivo.