Máis de vinte ciclistas percorren o Camiño do Irmanamento entre os dous Gondomares
O “Camiño do Irmanamento Gondomar (España) – Gondomar (Portugal)” concluíu esta fin de semana cun novo éxito de participación e convivencia, reafirmando os lazos de amizade que unen aos dous municipios homónimos a ambos lados do Miño.
Durante dous días, máis de vinte ciclistas completaron as dúas etapas dun percorrido que xa se consolidou como unha cita anual de irmandade, cultura e deporte. A ruta culminou este domingo cun emotivo acto institucional na Cámara Municipal de Gondomar (Portugal), onde se fixo entrega dos diplomas acreditativos ás e aos participantes que remataron o traxecto.
As autoridades locais destacaron o valor simbólico desta iniciativa, que vai máis alá do deporte para converterse nun auténtico nexo de unión entre pobos que comparten historia, nome e espírito.
O Concello de Gondomar (España) expresou o seu agradecemento pola calorosa acollida dos veciños portugueses e pola excelente organización do evento, subliñando tamén o labor do dispositivo de apoio que acompañou aos ciclistas en todo momento.
“É un camiño que une, que suma e que reforza a irmandade entre os nosos pobos”, destacaron os representantes municipais ao peche da actividade.

