BaionaGondomarNigran

Máis de 229.000 turistas visitaron o Val Miñor en 2024: Gondomar medra un 15,5 %, Baiona resiste (+0,9 %) e Nigrán cae un 2,1 %.

O turismo no Val Miñor amosa unha evolución desigual segundo os datos rexistrados entre xaneiro e decembro de 2024. Mentres Gondomar protagoniza un ascenso notable do 15,5% no número total de visitantes, Nigrán rexistra unha caída do 2,1% e Baiona mantense practicamente estable cun lixeiro incremento do 0,9%.

Gondomar, en alza

O municipio de Gondomar recibiu un total de 40.109 turistas, o que supón un aumento do 15,5% respecto ao mesmo período de 2023. Destaca especialmente o incremento de visitantes nacionais, que chegaron a 31.123 (+15,7%), mentres os internacionais sumaron 8.986 (+14,6%).

Nigrán perde forza turística

Pola contra, Nigrán sufriu un retroceso do 2,1%, quedando con 106.392 turistas en total. A baixada afectou tanto ao turismo nacional, con 84.193 visitantes (-2,6%), como ao internacional, con 22.199 (-0,2%).

Baiona, practicamente estable

No caso de Baiona, o balance é máis equilibrado, cun total de 82.922 turistas, un 0,9% máis que no 2023. Aínda así, o turismo nacional decreceu lixeiramente ata os 63.504 visitantes (-0,3%), mentres que o internacional creceu un 5,3%, alcanzando os 19.418.

Estes datos amosan unha dinámica de crecemento importante en Gondomar, que parece consolidarse como destino en auxe, mentres Nigrán experimenta unha freada no seu habitual tirón turístico. Pola súa banda, Baiona mantense como un destino estábel con lixeira recuperación no turismo internacional.