Baiona

Lula Goce pintará o mural da doca de Baiona: “é un proxecto moi complexo para min porque é na casa”

A artista Lula Goce será a protagonista dun dos proxectos culturais máis destacados en Baiona nos vindeiros meses, coa realización do mural da Doca, unha obra moi especial polo seu vínculo persoal coa vila.

“É un proxecto moi complexo para min porque é na casa. A obra terá moito de todo, pero tamén moito de min. Está máis relacionado co sentimento e con como eu vexo Baiona”, explicou a artista, que afronta este traballo cun forte compoñente emocional ao tratarse do lugar onde medrou.

O proxecto conta co financiamento de Portos de Galicia, Fundación Banco Sabadell e o Concello de Baiona, e está previsto que a intervención artística estea rematada a finais do mes de maio, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan.

Pola súa banda, o alcalde da localidade, Jesús Vázquez Almuiña, amosou a súa satisfacción por contar cunha artista da vila para este proxecto, destacando a importancia de que sexa unha creadora local quen deixe a súa pegada nun espazo tan simbólico como a Doca.

Deste xeito, Baiona prepárase para sumar unha nova referencia artística que combinará identidade, emoción e creación contemporánea nun dos seus enclaves máis representativos.