BaionaVigo

Lula Goce liderará a transformación artística do Rocío en Coia

A muralista baionesa Lula Goce, unha das creadoras galegas con maior proxección internacional, será a responsable artística da profunda transformación urbana que o Concello de Vigo impulsa na zona do Rocío, en Coia.

A Xunta de Goberno local aprobou a licitación da redacción dun proxecto que busca humanizar e revitalizar o barrio mediante unha intervención artística de gran formato, definida polo alcalde Abel Caballero como un “cambio radical”.

A actuación desenvolverase entre a rúa Rocío e a rúa de Abaixo, un espazo con vivendas unifamiliares dos anos cincuenta que será sometido a unha renovación integral.

A proposta de Goce aposta pola integración de grandes murais, motivos florais e escenas humanas que conecten coa memoria do barrio, mantendo o seu carácter orixinal pero adquirindo unha imaxe máis vibrante e contemporánea. As primeiras recreacións mostran fachadas convertidas en lenzos cheos de cor e vida.