Vigo

Luisa Sánchez anima a adquirir o calendario solidario do Colexio Atlántida de Vigo en favor de APAMP

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, animou a adquirir o calendario solidario do CPR Plurilingüe Atlántida de Vigo, presentado este mércores nas instalacións do centro. O proxecto, impulsado polo profesor Emilio Rodríguez e o director do colexio, Félix Lourido, busca recadar fondos anuais para entidades sociais da cidade; de cara a 2026, a beneficiaria será a Asociación de Familias e Persoas con Parálise Cerebral (APAMP).

Segundo indicou Luisa Sánchez, a institución provincial imprimiu 600 exemplares deste calendario, que combina arte, inclusión e amor pola cidade. Cada mes convida a descubrir monumentos e recunchos emblemáticos de Vigo cunha ollada distinta, lembrando que “a verdadeira beleza está na diversidade e nas infinitas maneiras de mirar o mundo”.

A vicepresidenta destacou que os almanaques do Colexio Atlántida convertéronse nunha tradición en Vigo, non só por alegrar os fogares, senón tamén pola súa contribución a importantes causas sociais. Ademais, eloxiou o compromiso da comunidade educativa e o traballo de APAMP, coa que a Deputación colabora activamente para mellorar a calidade de vida das persoas con parálise cerebral