Luis López presenta en Tomiño as bases dos tres plans de acción comunitaria para 2026 cun investimento de 3,24 millóns de euros
Tomiño acolleu este mércores a presentación das bases das novas convocatorias dos plans Provincia Comunitaria, +Aqua e +Novaqua para o ano 2026, cun investimento global de 3,24 millóns de euros destinados ao apoio do movemento veciñal en toda a provincia. O acto estivo presidido polo presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, acompañado polo deputado de Acción Comunitaria, Javier Tourís.
Os plans Provincia Comunitaria e +Aqua contan nesta terceira edición cunha dotación inicial de 1,44 millóns de euros cada un, tras incrementarse a partida en preto de 300.000 euros, mentres que o programa +Novaqua alcanza os 360.000 euros, 260.000 máis ca na súa primeira convocatoria. O obxectivo é ampliar o número de entidades beneficiarias, que xa supera as 900 neste mandato, preto de 80 delas da comarca do Baixo Miño.
“O que funciona, refórzase. Queremos atender a máis colectivos, executar máis proxectos e construír unha provincia máis equilibrada e xusta”, afirmou Luis López, quen destacou o papel do servizo de Acción Comunitaria como ferramenta clave de apoio ao tecido veciñal.
O prazo para presentar solicitudes xa está aberto e permanecerá activo ata o vindeiro 1 de abril de 2026.
