Loureza vive este venres unha tarde cultural con teatro e audiovisual sobre a memoria de Oia
Loureza acollerá este venres unha completa cita cultural coa representación da obra Libremente nós, creada polo obradoiro de teatro da Asociación de Mulleres Rurais de Oia, e coa proxección do documental Novas Cantigas Oienses (Se os muíños falaran…). Ambas actividades terán lugar nos locais das antigas escoliñas de Loureza a partir das 20:00 horas, con entrada libre.
A sesión abrirase coa peza teatral Libremente nós, resultado do obradoiro impartido por Alfredo Rodríguez (A Artística) dentro do programa Provincia Activa da Deputación de Pontevedra. As intérpretes ofrecerán unha reflexión escénica sobre a vida das mulleres do rural, construída a partir de textos de Lupe Gómez e Celso Emilio Ferreiro, nun formato íntimo e reivindicativo.
A continuación, ás 20:30 horas, proxectarase o audiovisual Novas Cantigas Oienses (Se os muíños falaran…), un proxecto financiado polo Concello de Oia e a Xunta de Galicia, dirixido polos profesionais Ana Belén Jarrín e Nacho Álvarez. A peza recolle testemuños da veciñanza para preservar e poñer en valor a memoria colectiva do municipio. Tras a súa estrea na Semana Cultural de Pedornes, onde foi recibida con emoción e aplausos, inicia agora unha xira polas parroquias de Oia, comezando por Loureza.
