Nigran

‘La isla mínima’ reabre os cines municipais do centro comercial A Ramallosa

Foi o filme co que pechou a sala no 2014, e o cartaz permaneceu na vitrina ata este ano, cando o Concello adquiriu a infraestrutura.

Segunda vida para os cines do Centro Comercial A Ramallosa tras unha paréntese de once anos. O Concello de Nigrán, que adquiriu a infraestrutura o pasado mes de setembro por un importe de 61.500 euros, retoma este xoves 30 de outubro ás 20:00 horas a programación coa mesma película coa que se despedira en 2014: La isla mínima. A proxección, organizada en colaboración co Cine Club Val Miñor Alice Guy, simboliza unha continuidade no tempo, xa que os cartaces deste filme gañador do Goya á mellor película permaneceron expostos nas vitrinas do cine durante máis dunha década.

“Con esta proxección queremos subliñar a reapertura deste cine como novo epicentro da programación cultural do municipio”, explica o alcalde Juan González, quen avanza que o venres 31, Día do Ensino, proxectarase unha curta documental especial da serie Nigrán na memoria. “A partir de agora as dúas salas funcionarán como verdadeiro cine, aínda que tamén acollerán outros actos do Concello. É un verdadeiro luxo dispor destas instalacións municipais nun enclave perfecto e a un prezo inigualable”, engade o rexedor.

“Para o Cine Club Val Miñor Alice Guy é un soño feito realidade, estamos felices con este cambio, aquí imos gozalo moitísimo”, destaca Miguel Alejos, fundador da asociación nacida no 2019, que proxecta un filme cada derradeiro xoves de mes coa colaboración municipal.

O cinema, de 419 m², conta con dúas salas de 160 butacas cada unha. O obxectivo a longo prazo é unilas para crear un espazo versátil e adaptable. “Será o verdadeiro Auditorio Municipal que Nigrán precisa”, conclúe González, quen inclúe un orzamento de 500.000 € para a súa transformación dentro da subvención europea do proxecto La ciudad de los 15 minutos.