Juan González conta ao alumnado do CEIP Humberto Juanes como Nigrán axuda a África
Trátase dun coloquio promovido polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade que preside Juan González e que se desenvolve en diferentes municipios galegos
“O que vos quero transmitir é que ninguén abandona África por gusto; os emigrantes marchan coa esperanza de atopar unha vida mellor porque no seu país non é posible. Os galegos sabemos o que é isto, porque moitos dos nosos avós tamén tiveron que emigrar a Sudamérica cando aquí se vivía unha auténtica miseria”, explicou hoxe o alcalde de Nigrán, Juan González, ao alumnado de 6º de Primaria do CEIP Humberto Juanes.
O rexedor respondeu así á pregunta “Que raio fai o meu Concello en África?”, eixo central dun coloquio promovido polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade que el mesmo preside, e que está a percorrer diferentes municipios galegos. O obxectivo é dar a coñecer entre o estudantado o labor solidario e internacional dos concellos galegos a través das experiencias dos seus representantes nas misións en África.
Durante a sesión, González compartiu co alumnado a súa vivencia en Guinea-Bissau, Mozambique, Cabo Verde e o Sáhara, países cos que Nigrán mantén unha colaboración directa grazas ao Fondo Galego.
O alcalde explicou como a aportación económica do Concello transformou a vida de moitas comunidades: no 2024, financiouse con 20.000 euros un proxecto de igualdade destinado ás crianzas do rural en Mozambique; 10.000 euros permitiron adquirir un motor de bombeo e placas solares en Tarrafal (Cabo Verde), beneficiando a 24 familias; e con 30.000 euros do remanente de Tesourería, o Concello contribuíu á construción dunha escola en Guinea-Bissau.
Ademais, Nigrán colabora cos campamentos de refuxiados saharauís en Alxeria a través do proxecto “Nadafa”, que promove a sensibilización ambiental mediante o reparto de folletos informativos, a instalación de puntos de recollida de lixo e a contratación de 20 mulleres e 2 condutores para o servizo.
Con todas estas accións, canalizadas a través do Fondo Galego, Nigrán está moi preto de acadar o obxectivo de destinar o 0,7% do seu orzamento municipal á cooperación internacional antes de 2030, tal e como marca a lexislación.
“Estamos moi orgullosos de ser un municipio solidario e de liderar en Galicia esta aposta pola cooperación”, concluíu o rexedor.
