Tomiño

José González sobre Aitor Martínez: “representa a excelencia da artesanía galega contemporánea con raíces no territorio”

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, visitou en Tomiño o obradoiro do artesán Aitor Martínez, recentemente galardoado co Premio Nacional de Artesanía 2025 na categoría de produto pola súa colección Mundos. Durante a visita, salientou que o seu traballo “é un exemplo de como os oficios tradicionais poden evolucionar cara a proxectos innovadores con identidade propia e proxección internacional”.

Acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e pola xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, o conselleiro puxo en valor a aposta estratéxica da Xunta pola artesanía, cun orzamento próximo ao millón de euros previsto para 2026. Destacou tamén o peso do sector na provincia de Pontevedra, con arredor de 250 obradoiros inscritos, e o seu papel como motor de desenvolvemento económico e fixación de poboación.

José González subliñou que Aitor Martínez “representa un novo perfil de artesán que parte do oficio tradicional da carpintería e aposta por unha sólida formación especializada para innovar e explorar novos linguaxes escultóricos”, destacando a súa traxectoria internacional, o uso de materiais autóctonos e a súa implicación en iniciativas da Fundación Artesanía de Galicia como Corazón da Artesanía ou Artesanía no Prato, proxecto pioneiro recoñecido tamén co Premio Nacional de Artesanía na categoría Promociona para Entidades Públicas.