Javier Sumay Martínez, novo presidente do Erizana CF
O Erizana CF afronta un cambio na súa directiva tras a dimisión de Lorena Pardo como presidenta do club o pasado 25 de marzo.
En resposta a esta renuncia, a xunta directiva reuniuse en sesión extraordinaria o mércores 26 de marzo e acordou por unanimidade o nomeamento de Javier Sumay Martínez como novo presidente.
Desde o club, quixeron expresar o seu agradecemento a Lorena Pardo polo seu traballo, esforzo e dedicación ao longo do seu mandato, destacando o seu papel fundamental no crecemento da entidade.
O novo presidente asume o cargo coa intención de reforzar os valores do Erizana CF e continuar promovendo proxectos para mellorar as instalacións, a formación dos xogadores e a organización de torneos e competicións. “Queremos seguir avanzando xuntos para levar ao Erizana CF a novos éxitos”, sinalou Sumay Martínez no comunicado oficial.
O club reafirma así o seu compromiso co fútbol base e coa súa identidade, mantendo o lema que o define: Se non se sente, non se entende.