Gondomar

Inaugurado o Belén artesanal en movemento de Gondomar, o máis espectacular da provincia

Hoxe, ás 18:30 horas, o alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, xunto co párroco da vila, Víctor Bargiela, e o bispo emérito de Tui-Vigo, Luis Quinteiro Fiuza, inauguraron o tradicional Belén artesanal en movemento creado polo artesán baionés Fernando “Nando” Fernández. A apertura congregou numerosos veciños e visitantes, que non quixeron perder o primeiro día dunha das montaxes máis agardadas do Nadal na comarca.

O Belén, considerado xa o máis espectacular da provincia, presenta 260 figuras en movemento, máis de 300 estáticas, máis dun quilómetro de cableado e máis de 240 motores, cifras que amosan a magnitude e precisión do traballo de Nando, quen cada ano logra sorprender cun nivel de detalle extraordinario.

A gran novidade desta edición é a incorporación dun segundo Belén, coñecido como «o pequeno», de arredor de cinco ou seis metros cadrados, dedicado ao Camiño Portugués pola Costa. Nel recréase o traxecto entre Baiona e Gondomar, incluíndo lugares emblemáticos como a Virxe da Roca, a Fonte dos Gafos, o Ponte Románico da Ramallosa, a Capela e Cruceiro de San Campio, o Cruceiro de Mañufe, un portal de Belén feito en galego e mesmo unha réplica da Igrexa de San Benito.