Gondomar

Gondomar tamén esixe melloras tras a decisión da Xunta de rescindir o contrato con Lugove

O Concello de Gondomar únese ás reclamacións doutros municipios da comarca logo de coñecerse que a Xunta de Galicia poñerá fin de maneira unilateral á concesión coa empresa Lugove, encargada do servizo de transporte interurbano no Val Miñor e Baixo Miño. A decisión pon punto final a un contrato que estaba previsto para dez anos de duración e do que só se cumpriron cinco.

Tras este anuncio, o goberno local que encabeza Paco Ferreira trasladou á administración autonómica un documento con nove propostas prioritarias co obxectivo de mellorar un servizo que, segundo destacan, “leva anos acumulando deficiencias e incumprimentos reiterados”.

Entre as principais demandas de Gondomar figuran:

  • Unha mellora xeral do servizo e incremento de horarios, ante as queixas veciñais por retrasos e cancelacións.
  • Máis frecuencias nas conexións con Vigo, Nigrán e Baiona, cun mínimo dun autobús cada 30 minutos nas horas punta.
  • Reforzo das liñas intermunicipais e rurais, para garantir a mobilidade desde as parroquias cara aos centros de servizo.
  • Mellora das paradas, con marquesiñas e reubicación de puntos en zonas seguras, especialmente en Chaín.
  • Rehabilitación da estación de autobuses de Gondomar, que presenta iluminación deficiente e infraestruturas deterioradas.
  • Aplicación móbil con información en tempo real, e paneis informativos visibles e actualizados en distintos puntos do municipio.
  • Máis conexións directas co Hospital Álvaro Cunqueiro, a Universidade de Vigo e zonas industriais, así como reforzos especiais durante eventos e datas de alta demanda.

Dende o Concello insisten en que a rescisión do contrato debe servir como “unha oportunidade real para corrixir os erros e dotar á comarca dun transporte digno, eficiente e sostible”.

Mentres non se produza unha nova adxudicación, Lugove continuará prestando o servizo con normalidade, baixo supervisión da Dirección Xeral de Mobilidade.