Gondomar

Gondomar remata a reforma de todos os Centros Rurais Agrupados (CRA) co de Couso

Gondomar deu por finalizada a reforma integral de todos os seus Centros Rurais Agrupados (CRA) co remate das obras no CRA de Couso, o último centro que quedaba por modernizar. Estes centros agrupan varias escolas pequenas de distintas parroquias para garantir educación infantil e primaria de calidade en zonas rurais, permitindo que os nenos teñan acceso a todas as materias e servizos, a pesar da dispersión da poboación.

No CRA de Couso, o Concello investiu máis de 170.000 euros a través de fondos europeos para realizar unha reforma completa que inclúe:

  • Bombas de calor e xeotermia.
  • Renovación do tellado e mellora da envolvente do edificio.
  • Reposición de baños, chans e ventás.
  • Iluminación a LED e sistema de calefacción modernizado.

O alcalde Paco Ferreira destacou que estas actuacións fan do centro “un espazo de confort e disfrute para os nenos e nenas, e pechan un ciclo de melloras que cubre todos os CRA do concello: Villaza, Guillufe e Morgadans, Chaín, Peiteiros e agora Couso”.