Gondomar recupera o servizo pediátrico coa incorporación da doutora titular
A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Val Miñor celebrou a reincorporación da pediatra titular no centro de saúde de Gondomar, o que garante de novo a cobertura para a poboación infantil do concello. Debido a esta incorporación, a plataforma desbotou a convocatoria dunha concentración que estaba prevista en protesta pola falta de substitución durante a baixa da profesional.
Con todo, a entidade volveu denunciar a mala xestión do SERGAS á hora de cubrir baixas laborais, que deixou durante un mes aos nenos e nenas de Gondomar sen atención pediátrica, obrigando ás familias a desprazarse a outros centros de saúde ou ás urxencias hospitalarias.
A plataforma advertiu que continuará facendo fincapé nas deficiencias da Atención Primaria, incidindo en como a non cobertura das baixas provoca un déficit asistencial, incremento das demoras e sobrecarga dos servizos de urxencias, tanto extrahospitalarios como hospitalarios.
