Gondomar

Gondomar planea unha piscina ao aire libre e pide á oposición unir forzas para atopar chan público no que construír vivenda protexida

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, continúa deseñando o que define como o Gondomar do futuro e anunciou que o seu equipo de goberno planea construír unha piscina pública ao aire libre, un proxecto que considera clave para mellorar a calidade de vida no municipio durante a época estival.

O executivo local está a estudar diferentes opcións e terreos para incorporar esta infraestrutura ao Plan Xeral de Urbanismo, garantindo que a instalación sexa segura, accesible e funcional. Ferreira recoñeceu que a elección da ubicación podería xerar debate, aínda que se amosou convencido de que “será moi ben acollida polos veciños, que non se verán obrigados a desprazarse ás praias de Nigrán e Baiona cando chegue a calor”.

Segundo o rexedor, a piscina será un dos proxectos básicos do goberno antes de rematar a lexislatura, co obxectivo de ofrecer un novo espazo de lecer ao aire libre que complemente as zonas verdes e outros servizos públicos da vila. Neste contexto, tamén avanzou que se traballa na mellora de espazos de encontro para a mocidade, reforzando a aposta por áreas abertas e de convivencia.

Ademais, o alcalde tendeu a man aos grupos da oposición para colaborar na procura de solucións reais que permitan impulsar vivenda pública. Ferreira apelou á responsabilidade compartida para atopar chan público que poida ser posto a disposición da Xunta e facilitar a construción de vivenda protexida, especialmente para a xente moza, ante a presión dos alugueiros en Gondomar e no conxunto do Val Miñor. “Temos que facelo entre todos e deixar a un lado as loitas partidistas”, sinalou, admitindo que as opcións que se barallan non son sinxelas.