Gondomar

Gondomar participa na segunda fase do proxecto Xenoma Galicia para avanzar na medicina personalizada.

Gondomar forma parte do grupo de concellos galegos seleccionados pola Xunta de Galicia para participar na segunda fase piloto do Proxecto Xenoma Galicia, unha iniciativa pioneira que busca situar o sistema sanitario galego na vangarda da medicina personalizada.

A partir do luns 21 de abril, os veciños e veciñas de Gondomar con tarxeta sanitaria recibirán unha mensaxe SMS convidándoos a participar voluntariamente neste estudo. O obxectivo é acadar 1.000 persoas dispostas a ceder unha mostra de saliva desde a casa, mediante un kit de autotoma que se enviará directamente ao domicilio dos que acepten participar a través da páxina web indicada no SMS.

Unha vez recollida a mostra, os participantes deberán entregala nunha urna especialmente habilitada no centro de saúde de Gondomar.

Coas mostras de saliva, o proxecto xera información xenética fundamental que se incorporará á historia clínica dos pacientes e resultará valiosa para avanzar na detección precoz de enfermidades, como o cancro de mama e ovario hereditario, a hipercolesterolemia familiar ou o síndrome de Lynch, entre outras.

A Consellería de Sanidade destaca que se trata dun proxecto totalmente voluntario con finalidade médica e científica, e que a participación de Gondomar sitúa ao concello como pioneiro na ruta cara á saúde personalizada en Galicia.