Gondomar paraliza vertidos ilegais ao río Miñor e abre expediente sancionador.
O Concello de Gondomar vén de abrir un expediente sancionador e ordear a paralización inmediata duns traballos de aterramiento ilegais realizados en terreos da Comunidade de Montes de Couso, tras detectarse vertidos de terra que afectaron gravemente ao curso do río Miñor ao seu paso polo centro urbano.
As actuacións foron realizadas sen a preceptiva licenza municipal, tal como constataron os Servizos Municipais de Urbanismo e a Policía Local. Ambos activaron de inmediato o protocolo de protección medioambiental e comunicaron os feitos aos organismos competentes.
Segundo as primeiras investigacións, camións procedentes doutros municipios estaban a descargar grandes cantidades de terra co obxectivo de pechar unha ampla superficie do monte comunal. As chuvias recentes provocaron o desprendemento do material, que descendeu pola ladeira ata chegar ao río, xerando unha importante alarma social pola turbidez das augas no propio casco urbano.
Pola gravidade do acontecido, os feitos están sendo investigados tamén polos servizos de Medio Rural e Augas de Galicia, dependentes da Xunta de Galicia, así como por axentes do SEPRONA da Garda Civil, co obxectivo de esclarecer responsabilidades e previr futuros danos ambientais.
O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, declarou que “desde o Concello imos actuar con absoluta firmeza ante calquera agresión contra o medio ambiente. A protección do río Miñor e do noso patrimonio natural é unha prioridade, e non se tolerará ningunha actuación ilegal que poña en risco os recursos públicos nin a seguridade da veciñanza”.