Gondomar

Gondomar organiza o 12 de setembro unha xornada freestyle para a mocidade no Campo de Fútbol Das Cercas

A Concellería de Xuventude do Concello de Gondomar prepara para o venres 12 de setembro unha actividade especialmente deseñada para a mocidade, que combinará deporte, diversión, xogos e música. A cita será a partir das 18:00 horas no Campo de Fútbol Das Cercas.

O programa incluirá un Show Freestyle, no que especialistas desta disciplina do fútbol da rúa amosarán unha espectacular mestura de trucos con acrobacias, controlando o balón en diferentes posicións e partes do corpo, todo ao ritmo da música.

Despois do espectáculo, os asistentes poderán practicar eles mesmos os trucos aprendidos a través de distintos obradoiros. Para participar será necesario inscribirse previamente chamando ao 986 369 746 a partir do 1 de setembro.

A xornada contará ademais con DJ en vivo e diferentes xogos de balde como canastra eléctrica, pista suboccer ou air hockey, que poñerán o broche final a unha tarde pensada para a mocidade a partir dos 13 anos.

“Agardámosvos para gozar dunha tarde Freestyle diferente e chea de sorpresas”, destacan desde a Concellería de Xuventude.