Gondomar

Gondomar e Zona Franca asinan o convenio para a segunda fase do polígono industrial da Pasaxe

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, e o delegado do Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades, asinaron este luns na Casa da Cultura de Gondomar o convenio de colaboración para executar a segunda fase do polígono industrial da Pasaxe. No acto estiveron presentes membros da directiva da Asociación de Empresarios da Pasaxe, técnicos, empresarios e representantes institucionais.

O convenio supón o inicio oficial dun proceso histórico para o municipio, xa que permitirá completar a urbanización dun polígono con máis de cincuenta anos de antigüidade, construído legalmente pero sen infraestruturas nin servizos básicos. O proxecto inclúe a redacción definitiva, a aprobación dos proxectos de expropiación e urbanización, e a negociación dos convenios de exclusión coas naves existentes.

A actuación abrangue máis de 600.000 metros cadrados de solo industrial e conta cun investimento superior aos 32 millóns de euros. Segundo explicaron os responsables institucionais, estímase a implantación de ata 100 novas empresas e a creación de máis de 3.500 postos de traballo.

“Hoxe damos un paso decisivo cara ao futuro industrial de Gondomar. Este convenio non só urbaniza un polígono, senón que impulsa o emprego e o tecido empresarial da nosa comarca”, destacou Paco Ferreira.

Coa sinatura deste acordo, o polígono da Pasaxe aspira a converterse nun referente industrial en Galicia, atraendo novos investimentos e consolidando a Gondomar como un punto estratéxico no mapa económico do sur da provincia de Pontevedra.