Gondomar consolídase como a capital provincial do Samaín
Gondomar viviu onte unha das tardes máis especiais do ano cun Samaín que encheu as rúas de maxia, medo e diversión, reunindo a centos de persoas que desafiaron a choiva e participaron nunha festa xa consolidada como a máis importante da provincia de Pontevedra.
Desde primeira hora da tarde, nenos e maiores percorreron o centro urbano facendo “truco ou trato”, gozando cos contacontos, as decoracións temáticas e o espectacular pasadizo do terror, que volveu ser o punto máis visitado da xornada.
A Praza Paradela e as rúas do centro convertéronse nun auténtico escenario cheo de disfraces orixinais e imaxinativos, onde non faltaron bruxas, monstros, pantasmas e personaxes de película. O ambiente foi excepcional, cunha participación masiva e un espírito de festa que uniu a veciñanza de todas as idades.
O Samaín de Gondomar confirma así o seu crecemento ano tras ano, converténdose nun referente das celebracións desta data en toda a provincia, grazas á implicación das asociacións, comerciantes e do Concello, que volveron facer posible unha cita xa imprescindible no calendario outonal.

