Baiona

Gastro Movida expande as súas actividades e chegará este ano a Baiona

O evento gastronómico Gastro Movida celebrará os días 5 e 6 de novembro a súa cuarta edición, consolidándose como un dos encontros profesionais máis importantes do sector en Galicia. Nesta ocasión, o programa amplía horizontes e inclúe actividades tamén no Val Miñor, con paradas en Baiona, ademais de Vigo e Arousa.

A presentación tivo lugar este mércores en Vigo coa participación da delegada territorial da Xunta de Galicia, Ana Ortiz, quen destacou que o evento “ten unhas bases moi sólidas e un potencial inmenso, porque se adapta perfectamente ao que Vigo é e ao que necesita”. Ortiz subliñou que “a cidade e a súa contorna teñen o talento e o produto para ofrecer a mellor receita”, e considerou Gastro Movida “a panca perfecta para difundir contidos de valor da nosa industria gastronómica”.

Tamén interveu a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, que puxo en valor “unha cita que en tan só tres anos se converteu nun imprescindible do calendario de congresos vigués e que ten un gran futuro por diante”. Engadiu que a provincia conta “co mellor produto e cos chefs máis talentosos do país”.

O director de Gastro Movida, David Suárez, explicou que o congreso reunirá profesionais da hostalaría, produtores e distribuidores, así como expertos doutros sectores relacionados, e incidiu en que “o obxectivo principal é fomentar o networking real e crear sinerxías entre empresas e organizacións”.

Nesta nova edición, Gastro Movida combinará mesas redondas, catas, showcookings, obradoiros e roteiros gastronómicos. No Val Miñor, as actividades desenvolveranse en Baiona, onde se visitarán o Parador e Castelo de Monterreal, o Faro Grande e un tramo do Camiño Portugués da Costa ata Cabo Silleiro.