GondomarTomiño

Gandería Os Bravos de Gondomar e Infomiño Expansión 360 de Tomiño, seleccionadas no III Programa de Crecemento Empresarial da Deputación

A Deputación de Pontevedra vén de seleccionar os proxectos Gandería Os Bravos, de Hugo Martínez Villar, e Infomiño Expansión 360, de Jorge Alonso Daldea, para participar no III Programa de Crecemento Empresarial, que se desenvolverá ata decembro nas contornas de Vigo e O Baixo Miño.

Esta iniciativa, enmarcada dentro do programa SmartPeme+, busca apoiar empresas da provincia que se atopan en fase de crecemento e queren consolidarse no mercado, mellorando a súa competitividade e sustentabilidade.

Gandería Os Bravos, con sede social en Gondomar e instalacións tamén en Portugal, representa ao municipio no programa como exemplo de aposta polo sector agrogandeiro sostible e de proximidade. Pola súa banda, o proxecto Infomiño Expansión 360, con base en Tomiño, destaca polo seu enfoque innovador na comunicación e servizos dixitais no Baixo Miño.

As empresas seleccionadas recibirán asesoramento personalizado e participarán en once sesións formativas nas que se abordarán temáticas como o emprendemento dixital, o uso de ferramentas de deseño e metodoloxías creativas como Lego Serious Play.

Ao finalizar o programa, celebrarase unha sesión de presentación dos proxectos, na que se premiará a mellor iniciativa empresarial cun cheque de 500 euros destinado a formación especializada.