Galicia e américa, unha relación de ida e volta, protagonista na festa da arribada
A programación cultural da XXX Festa da Arribada de Baiona inclúe este xoves 26 ás 20:00 horas unha conferencia no auditorio da Casa da Navegación titulada “O tornaviaxe a Galicia. Unha relación de ida e volta con América”.
A sesión estará a cargo de Juan M. Monterroso Montero, profesor da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela.
O termo tornaviaxe fai referencia, literalmente, á viaxe de regreso das embarcacións desde América a Europa tras o descubrimento do Novo Mundo. Porén, o concepto vai máis alá do ámbito marítimo e serve para explicar o proceso de intercambio cultural, económico e social entre as dúas beiras do Atlántico. Non só Galicia enviou emigrantes cara América, senón que tamén recibiu de volta persoas, capitais, ideas e influencias que deixaron unha fonda pegada no seu patrimonio e na súa identidade.
A conferencia analizará esa nova cosmovisión xurdida a finais do século XV e afondará na presenza americana na arquitectura, na arte e na cultura galega ao longo dos séculos.
Monterroso foi profesor de Conservación do Patrimonio, Historia da Arte e Deseño na Universidade da Coruña ata 2002. Entre 2003 e 2008 dirixiu o Departamento de Historia da Arte e foi decano entre 2008 e 2016. Desde 2003 coordina o grupo de investigación Iacobus e actualmente é director do Departamento de Historia da Arte.
A entrada será libre ata completar a capacidade do auditorio.
