Ferreira esixe solucións inmediatas á Xunta antes de que chegue a nova concesionaria.
O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, denunciou de novo esta tarde as graves deficiencias do servizo de autobuses no Val Miñor, tanto nas condicións da estación como no itinerario intermedio entre cidades, e reclamou accións inmediatas da Xunta de Galicia. Ferreira subliñou que “esta situación esixe solucións antes de que chegue a nova concesionaria”.
Segundo denuncia o rexidor, a estación presenta “deficiencias ostensibles”, entre as que destacan a falta de paraventos laterais, iluminación e limpeza, aspectos fundamentais para un servizo público digno. Ademais, destaca que a empresa Lugove incumpre horarios e deixa viaxeiros “tirados nas rúas e nas paradas”.
Ferreira destacou que, aínda que a Xunta decidiu rescindir o contrato con Lugove, non hai garantías de que a empresa cumpra cos horarios nin coas condicións mínimas de seguridade e comodidade durante o período de transición.
Por iso, insiste en que é imprescindible tomar medidas inmediatas para que o transporte colectivo funcione como merece a cidadanía do Val Miñor.
O alcalde anunciou tamén que o Concello de Gondomar levará o asunto ao Parlamento de Galicia, esixindo explicacións sobre o seguimento e control do servizo e solucións concretas que eviten que a precariedade actual se manteña ata a chegada da nova concesionaria.
