Ferreira denuncia que a suba da taxa do lixo é unha imposición da Xunta e non unha decisión política
O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, respondeu ás críticas do Partido Popular e Manifiesto Miñor, que o acusan de aplicar unha subida excesiva na taxa do lixo. O rexedor socialista aclarou que o incremento é consecuencia directa da decisión da Xunta de Galicia de elevar o canon de SOGAMA nun 61 %, o que obriga aos concellos a repercutir ese custo na veciñanza.
Ferreira cualificou o aumento de “desmesurado e inasumible”, lembrando que non se trata dunha decisión política senón dunha “imposición recadatoria do Partido Popular” que fai inviable o servizo se non se actualiza a taxa. “Se SOGAMA non aplicase esta suba, Gondomar non tería que incrementar a taxa do lixo”, explicou.
O rexedor advertiu que o custo total da recollida e tratamento dos residuos supera xa 1,27 millóns de euros anuais, mentres que a recadación pola taxa do lixo é de só 389.486 euros, e o canon de SOGAMA alcanza 526.000 euros. “O Concello nin sequera recada o suficiente para pagar o canon, o que fai imposible cumprir coa normativa europea”, sinalou.
A nova ordenanza fixa a taxa en 95,57 euros anuais por domicilio, moi por baixo dos 120 euros recomendados polo informe técnico, e poderá pagarse en tres prazos. Ferreira subliñou que Gondomar leva dez anos sen subir a taxa e seguirá sendo “un dos concellos con menor tarifa de Galicia”.
O alcalde comparou ademais con outros municipios: Cerdedo-Cotobade (117 €), Poio (121 €), Ponteareas (155 €), Baiona (superior á de Gondomar) ou Tomiño (120 €). “Isto non vai de alcaldes que queiran subir taxas, vai de que a Xunta asfixia aos concellos e nos obriga a repercutilo nas familias”, afirmou.
O novo servizo incluirá recollida porta a porta e vehículos adaptados a camiños estreitos, mantendo bonificacións do 99 % para asociacións, ANPAS, centros culturais e reducións para familias con baixos ingresos.
Ferreira concluíu asegurando que “non é o Concello quen sobe a taxa do lixo, é a Xunta do PP quen nos obriga a facelo coa súa política de imposicións e abandono aos municipios”.
