Gondomar

Ferreira anuncia medidas inmediatas tras o despome dun muro en As Gaiandas: “a seguridade é innegociable”

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, anunciou este luns a suspensión inmediata de toda actividade deportiva no campo municipal de As Gaiandas tras o despome parcial dun muro de ladrillo que servía de baranda diante da grada. O incidente, que tivo lugar durante a fin de semana, non provocou feridos de gravidade, mais puxo en marcha un protocolo de seguridade por parte do Concello.

“O muro non presentaba signos visibles de deterioro, pero foi construído hai máis de 25 anos sen a resistencia estrutural necesaria para soportar unha avalancha repentina de público”, explicou o rexedor. Ferreira foi claro: “a seguridade é innegociable”.

Como medida cautelar, o Concello ordenou a paralización temporal de toda actividade nas instalacións ata contar cun informe técnico completo que avalíe non só a zona afectada, senón tamén outros elementos da estrutura. Este informe analizará tamén intervencións realizadas polo club coa mellor intención, como a instalación dunha churrasquera ou algúns elementos publicitarios, para garantir que cumpren cos estándares de seguridade.

O tramo do muro desprazado será retirado ou substituído por unha baranda homologada, e non hai indicios de danos na estrutura principal da grada, no terreo de xogo nin nos vestiarios.

Ferreira aproveitou para lembrar que, baixo o seu mandato, Gondomar viviu unha transformación histórica nas infraestruturas deportivas, con investimentos que permitiron renovar os pavillóns, mellorar campos de fútbol, crear novas pistas e apoiar a máis de 50 clubs deportivos locais.

“Estamos construíndo un concello máis deportivo, máis unido e máis seguro. E imos seguir traballando con rigor, transparencia e compromiso para garantir que todas as instalacións estean á altura do que merece a nosa veciñanza”, concluíu.