Oia

Falece un home de 61 anos en Oia ao volcar a retroescavadora coa que traballaba

Tráxica tarde no municipio de Oia. Un home de 61 anos falece este martes ao quedar atrapado baixo a retroescavadora coa que realizaba tarefas agrícolas nunha finca situada no lugar de Mavia, na parroquia de Loureza.

Segundo a información facilitada polo 112 Galicia e pola Garda Civil, o accidente produciuse arredor das 17:00 horas, cando a vítima manexaba unha retroescavadora pequena para retirar esterco dun alpendre. Por causas que se investigan, a máquina volcou e o home quedou atrapado entre a pala e unha parede.

Foi un familiar quen alertou aos servizos de emerxencias, indicando que posiblemente xa perdera a vida no momento do accidente. Ata o lugar desprazáronse efectivos do 061, dos Bombeiros do Porriño, do GES e da Garda Civil, que non puideron facer nada por salvarlle a vida.

A comunidade de Oia queda consternada por este novo accidente laboral no rural, que pon de novo sobre a mesa os riscos que entrañan as tarefas con maquinaria pesada mesmo en ámbitos familiares ou agrícolas.