BaionaGondomarNigran

Éxito rotundo na comida solidaria da AECC Val Miñor celebrada na Casa Rural San Antón

A Asociación Española Contra o Cancro (AECC) do Val Miñor celebrou hoxe unha multitudinaria comida solidaria na Casa Rural San Antón, cunha asistencia que superou o centenar de persoas procedentes dos tres municipios da comarca: Baiona, Nigrán e Gondomar.

O acto contou coa participación do conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, quen, visiblemente emocionado, destacou aña importancia de apoiar aos pacientes de cancro. Como oncólogo, puxo de manifesto a súa especial sensibilidade co tema, e lembrou á súa nai, á que lle prometeu que sempre estaría ao carón dos enfermos.

A deputada provincial Sandra Bastos tamén acudiu á comida, mostrando o respaldo da Deputación de Pontevedra a esta causa solidaria.

O alcalde de Baiona e ex conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, destacou o traballo incansable da AECC en favor dos veciños do Val Miñor e a importancia de manter e reforzar o apoio institucional ás persoas afectadas polo cancro.

A presidenta da AECC Val Miñor, Pilar Fontán, subliñou que durante o ano 2024 a asociación realizou 768 intervencións acompañando a pacientes nas súas necesidades básicas, e agradeceu profundamente a colaboración cidadá e institucional.

Pola súa parte, a vicepresidenta da AECC de Pontevedra, María Esperanza Fernández, lembrou que a entidade celebra este ano o seu 70 aniversario, setenta anos traballando para mellorar a vida dos enfermos de cancro e das súas familias.

Ao evento asistiron tamén a concelleira de Asuntos Sociais de Baiona, Ana María Iglesias; a concelleira de Educación, Nuria Leyenda; e as portavoces do Partido Popular en Nigrán e Gondomar, María José Fernández e Paula Bouzós.

O tecido comercial local tamén amosou o seu apoio con numerosos agasallos que se sortearon entre os asistentes ao remate da comida, convertendo o encontro nunha auténtica festa solidaria.

Desde a organización agradeceron a Casa Rural San Antón pola cesión das súas instalacións e a todas as persoas e entidades que contribuíron ao éxito desta xornada solidaria, que reforza o compromiso do Val Miñor coa loita contra o cancro.