Excepcional resposta da cidadanía viguesa con 800 reservas en apenas uns días para as visitas guiadas ao Teatro Cine Fraga
O Teatro Cine Fraga volve abrir as súas portas ao público despois de 24 anos pechado, e a resposta da cidadanía viguesa non puido ser mellor: en apenas uns días rexistráronse preto de 800 reservas para participar nas visitas guiadas organizadas pola Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia.
A vicepresidenta provincial, Luisa Sánchez, e o conselleiro de Cultura, José López Campos, acompañaron ao primeiro grupo de visitantes que tivo a oportunidade de acceder ao interior deste emblemático inmoble, símbolo da vida cultural de Vigo durante décadas.
Ambas institucións traballan de maneira conxunta para dar resposta a unha reivindicación colectiva da sociedade viguesa, coa redacción do proxecto básico de execución da reforma do edificio, que aspira a devolver ao Teatro Fraga o seu esplendor e convertelo nun espazo de referencia cultural.
As persoas interesadas en participar nestas visitas poden inscribirse para os percorridos que se realizarán todos os mércores, en tres quendas diferentes: ás 12.30, 16.00 e 17.00 horas. As prazas son limitadas e cubriranse por orde de inscrición.
