Dro, estrea soñada: debuta en Primeira División sendo o primeiro xogador de Nigrán en xogar co Barcelona
O momento tardaba en chegar, pero finalmente fíxose realidade. Pedro Fernández Sarmiento, coñecido como Dro, fixo historia esta noite ao converterse na primeira persoa de Nigrán en debutar co FC Barcelona. Ademais, fíxoo no seu primeiro partido oficial en Primeira División, diante da Real Sociedade.
Con só 17 anos e 249 días, o centrocampista galego foi unha das grandes novidades no once inicial de Hansi Flick, que decidiu apostar polo talento da canteira nun encontro de máxima esixencia.
Dro xa dera mostras da súa calidade durante a pretemporada, onde chegou a marcar un gol, mais a súa presenza de hoxe no once titular supón o salto definitivo ao fútbol profesional sendo o máis xovén en debutar este ano na LFP.
En Nigrán, a estrea vivíuse con enorme orgullo e emoción, pois nunca antes un xogador da vila vestira a camiseta do Barça nun partido oficial de Liga.
