Dous irmáns de Baiona enfrontan prisión por extorsionar un inquilino
O Xulgado do Penal número 1 de Vigo acolleu este martes un xuízo contra dous irmáns de Baiona acusados dun delito de extorsión en concurso con lesións, polo que a Fiscalía solicita dous anos de prisión para cada un. Só un deles compareceu ante o tribunal.
Segundo a acusación, os feitos ocorreron a mañá do 10 de novembro de 2024 na vivenda dos irmáns. A vítima, que pasara a noite na casa tras alugar unha habitación e que acudía ao domicilio para consumir drogas, recibiu unha chamada dos acusados instándoa a regresar ao inmoble.
Ao entrar, un dos irmáns —o que non compareceu no xuízo— obrigou a vítima a pasar ao interior e, tras pechar a porta, ameazouna cun coitelo para esixirlle diñeiro. A vítima declarou que foi golpeada na cabeza co mango da arma e arroxada ao chan, mentres o outro irmán observaba sen intervir, limitándose a dicir: “Tranquilo, que non che vai a matar”.
Preso do medo, o home realizou unha transferencia de 60 euros á conta bancaria da nai dos acusados, que confirmaron antes de permitirlle abandonar a vivenda.
Durante a vista, o único acusado presente negou ter presenciado as ameazas. Asegurou que só viu discutir á vítima co seu irmán e que, a petición deste, comprobou a transferencia de diñeiro á conta da súa nai, alegando que correspondía ao alugueiro da habitación. Admitiu que o seu irmán “estaba un pouco agresivo”, pero negou que o visese brandindo un coitelo.
A Fiscalía mantén a súa petición de dous anos de cárcere para cada acusado, considerando que os feitos constitúen un delito de extorsión en concurso con lesións. O tribunal dará a coñecer a sentenza nos próximos días.
